FeC rexeita a decisión de Fomento de optar polo trazado Sur, porque resulta o máis gravoso e agresivo

Ferrol en Común considera que é impropio facer unha licitación por parte dun Executivo en funcións que hipoteca o futuro da ría e  que non lle foi comunicada ao Concello por mera lealdade institucional  A formación tamén se pregunta como é que a minsitra popular Ana Pastor, pode visitar Ferrol dúas veces en poucos días e non atopa oco para reunirse co seu rexedor, que llo tiña requerido semanas atrás.

Logo dun rocambolesco teatro con moitos convidados ilustres nas dependencias de Autoridade Portuaria, e moitos anos despois do previsto, o pasado venres 1 de abril, veu  luz o proxecto de licitación do acceso ferroviario a Caneliñas, infraestrutura indiscutiblemente imprescindible para o desenvolvemento socioeconómico e diversificación industrial dunha comarca esmorecida e marxinada polas Administracións.


Enseada da Malata

Fíxose, iso si, coa foto de rigor na que se atopaban o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, e a ministra de Fomento, Ana Pastor, que pode visitar a urbe en dúas ocasións en poucas semanas pero non atopa oco para recibir o seu alcalde, Jorge Suárez, ao que ven de citar en Madrid a mediados de abril logo de varias semanas agardando unha data.

Pero sen dúbida, o mais gravoso é que Fomento ten optado (e pese as protestas de veciños, ambientalistas e formacións políticas como a nosa) pola alternativa do trazado Sur, a mais económica para o Goberno central pero a ten maior impacto paisaxístico e ambiental na nosa ría, especialmente no viaducto que cruza sobre a ensenada da Malata sobre piares, o que supón amputar outro anaco dunha ría xa maltreita e castigada por sucesivos recheos e obras que alteraron o curso das correntes mariñas afectando a produtividade do que era un magnífico viveiro de bivalvos e crustáceos.

Variantes trazado do ferrocarril ao Porto Exterior
 Dende FeC consideramos e reiteramos que è o trazado máis agresivo, tanto dende o punto de vista medioambiental, económico, e paisaxístico. Coidamos que esta decisión prima os criterios de carácter económico por enriba doutras cuestións coma o impacto ambiental, paisaxístico ou económico para a cidade.

Esta zona sufrirá unha nova agresión, e afectará ao equilibrio natural da zona con especies especialmente protexidas. A ensenada da Malata pasará a estar cruzada por un viaducto de 580 metros, que non minimiza -ao contrario do que afirma o informe ambiental do ministerio de Fomento- o impacto nin tampouco ten en conta os efectos sobre os bancos marisqueiros. Dende Fec non só rexeitamos este trazado polas súas consecuencias, senón que entedemos que unha decisión de tanto calado que pode hipotecar o futuro da cidade, senón que sexa un goberno en funcións o que tome estas decisións, lembrando moito a prórroga que este mismo goberno deu a empresa Ence na ría de Pontevedra. 

Engadido a todo esto temos que sinalar a escandalosa falla de respecto institucional por parte do goberno do Estado e da Xunta de Galicia cara esta cidade, na figura do seu rexedor, xa que a ministra Ana Pastor negouse a manter unha entrevista co alcalde da cidade por falta de tempo e o empraza para unha cita en Madrid a finais de mes. Extendemos a crítica a Autoridade Portuaria, que non trasladou ao primeiro edil da cidade e representante de todos e todas as ferroláns, a intención de abordar o proxecto  no Consello de Administración do porto, no que tamén ten representación o Concello de Ferrol, e que soubo dos plans de Fomento e do porto pola prensa.


POLO DEREITO A DECIDIR DAS PERSOAS E DOS POBOS

O GRUPO MUNICIPAL DE FERROL EN COMÚN PRESENTARÁ UNHA MOCIÓN RELATIVA AO DEREITO A DECIDIR DAS PERSOAS E DOS POBOS





O Grupo Municipal de Ferrol en Común, presentará no Pleno da Corporación Municipal a moción dirixida ao Pleno polo dereito a decidir das persoas e dos pobos. O 15 de decembro de 1976 celebrábase o chamado referendo sobre a Lei da Reforma Política que, asumindo a monarquía herdada do franquismo coma forma de organización política do goberno e do Estado, establecía un sistema bicameral e abría as portas á redacción dunha nova constitución.
Todos os cidadáns e cidadás que teñen hoxe menos de 59 anos non puideron participar nese proceso, do mesmo xeito que todas as persoas que hoxe teñen menos de 54 anos non puideron participar no referendo que aprobou a Constitución española do ano 1978. É dicir, máis do 69% da poboación hoxe viva non puido votar a Constitución, non puido decidir sobre a forma de Estado que esta consagra. É máis, 3 de cada 4 cidadáns que hoxe teñen menos de 75 anos tiveron que asumir unha forma de organización política do Estado decidida por outros, nun proceso de transición herdado do franquismo e tutelado militarmente. Un referendo no que se votaba o texto no seu conxunto, incluindo a forma da xefatura do Estado.
Dende FeC consideramos que é preciso abrir un debate postergado pero necesario, xa que a cidadanía ten dereito a decidir como a organización política e a forma do Estado. Consideramos esencial o dereito a decidir das persoas e dos pobos. É necesario un debate valiente, no que quede patente que hai toda unha xeración de cidadáns e cidadás que viven nun modelo político que non votaron, e polo tanto 38 anos despois da aprobación da Constitución, é preciso a discusión pública, o cuestionamento político e por suposto o dereito a decidir das persoas e dos pobos.
Propoñemos un plebiscito, entendido como a consulta que os poderes públicos someten ao voto popular directo para que aprobe ou rexeite unha determinada proposta sobre soberanía, cidadanía, etc., semella o mecanismo axeitado para que a poboación poida decidir sobre o seu futuro. Esta consulta vinculante que podería cuestionar o modelo consagrado pola Constitución do 1978, abriría a porta a un proceso constituínte no que a estrutura territorial e o dereito a decidir dos pobos que hoxe conforman o Estado, quedase garantido, posición que nós colectivamente defendemos.
Polo tanto, o Grupo Municipal de FeC presenta esta moción ao Pleno municipal co obxecto de adoptar un acordo para reclamar do Goberno do Estado e do seu Presidente a convocatoria e organización dun plebiscito no que os/as cidadáns e cidadás poidan decidir, nos próximos meses, sobre a forma de organización política do Estado, máis concretamente sobre a monarquía parlamentaria consagrada na Constitución de 1978 de xeito que, se esta é rexeitada, se inicie un proceso constituínte que regule a forma de organización política e territorial, salvagardando o dereito a decidir das persoas e dos pobos.

O Grupo Municipal de FeC presentará unha moción en apoio a personas migrantes e refuxiadas



O Grupo Municipal de Ferrol en Común,  presentará no vindeiro Pleno da Corporación Municipal  unha moción dirixida ao apoio a persoas migrantes e refuxiadas. Manifestamos a nosa solidariedade cos milleiros de persoas que tentan entrar na Unión Europea fuxindo das guerras, a explotación e a fame. Debido a isto, na actualidade, estase producindo o maior movemento de poboación desde a Segunda Guerra Mundial, ante a pasividade das autoridades europeas que non puxeron en marcha medidas para facilitar a chegada segura e a correcta acollida destas persoas.
 
Refuxiados sirios camiño de Europa
As situacións creadas pola impermeabilización e o peche de fronteiras únense ao fracaso dos plans de readmisión, poñendo en perigo a vida das persoas migrantes e refuxiadas. Tras o tempo trascurrido, España só acolleu a 18 persoas procedentes das cotas de reubicación e reasentamento, das 17.000 persoas refuxiadas ás que se comprometera. Ao mesmo tempo, o espazo europeo de libre circulación esborrállase e non deixan de medrar os discursos xenófobos en toda a Unión Europea. O acordo entre a Unión Europea e Turquía é unha pata máis deste modelo, e non garante de ningunha maneira a chegada segura e o cumprimento dos dereitos das persoas que ven obrigadas a abandonar os seus fogares; ao contrario, ponas en maior risco.
Se non se habilitan vías de acceso legais e seguras, seguirase obrigando ás persoas a xogarse a vida no Mediterráneo e o Exeo, onde o ano pasado morreron máis de 3.000 persoas. A recente decisión de militarizar as nosas fronteiras marítimas con buques da OTAN non fai senón aumentar o risco ao que se enfrontan persoas migrantes e refuxiadas.

No Mediterráneo e o Exeo, onde o ano pasado morreron máis de 3.000 persoas

Por este motivo, o Concello de Ferrol adhírese á rede de cidades refuxio e préstase a acoller persoas refuxiadas no municipio de Ferrol, en coordinación co Goberno de España, o Goberno autonómico, a FEMP, a Unión Europea e as entidades colaboradoras. Entre outros puntos da devandita moción, FeC quere reiterar o ofrecemento e colaboración como Cidade Acolledora de Refuxiados, poñendo a súa disposición as instalacións e articular a través de Servizos Sociais a colaboración necesaria coas entidades e institucións interesadas as políticas para a súa recepción e acollidas. Facendo efectiva o compromiso adquirido polo goberno de España no acollementos das persoas refuxiadas, instando a UE, aos seus estados membros e ao Goberno de España que habilite vías legais  e seguras que garantan o acceso ao dereito ao asilo reforzando o programas de reasentamento, activando políticas de concesión de visados humanitarios e poñenedo en marcha novos mecanismos non militarizados de xestión dos fluxos migratorios en Europa, e polo tanto en España, abordando as causas que provocan os desprazamentos forzados.


Refuxiados sirios esperan na súa fronteira cruzar a Turquía

Nesta moción defendemos tamén que é preciso eliminar a esixencia do visado de tránsito para aquelas persoas que procedan de países en conflito e facer realidade a Directiva Europea de Protección Temporal activando o mecanismo contemplado para facer fronte a emerxencias humanitarias.

FeC presentará unha moción dirixida ao pleno relativa a declaración do Concello de Ferrol oposto á aplicación do Tratado Trasantlántico de Comercio e Investimento (TTIP).



O Acordo Trasantlántico para o Comercio e a Inversión (coñecido polo acrónimo en inglés TTIP) é un tratado que se está a negociar na actualidade entre os EEUU e a UE para, supostamente  incrementar o comercio entre ambos asinantes, pero que beneficia claramente a EEUU, xa que o dito tratado supón reducir as barreiras arancelarias co obxectivo de “mellorar a competitividade e o emprego”. Para iso, poñeríanse en marcha basicamente catro iniciativas (harmonización normativa, nova arquitectura política e xurídica entre empresas e institucións públicas, rebaixa de aranceis, marco favorábel á privatización de servizos) que, de se aprobaren, alterarían fondamente as regras de xogo básicas do estado social e de dereito europeo.

Os antecedentes deste acordo están no ano 2013

Este acordo busca establecer medidas que favorezan aos investidores, limitando a capacidade das Administracións Públicas para adoptar políticas nas áreas de saúde pública, medio ambiente e protección social e laboral  xerando un organismo “independente” que supervisará todas as regulamentacións e  e actos normativos da UE e  os Estados membros. Isto supón un asalto á soberanía dos estados e á democracia tanto a nivel central coma municipal cedendo poder  a favor dos lobbies empresarias que terán a capacidade de influír e modificar a lexislación actual e futura.

É aquí onde temos que falar das famosas ETN como actor internacional que permitiría a empresas trasnacionais acumular un poder económico sen precedentes con capacidade para obrigar aos gobernos chegando a alterar os logros do estado social e de dereito dos estados membros.

Dende FeC entendemos que o TTIP xera un marco de inseguridade xurídica e desprotección dos cidadáns fronte aos grandes complexos empresarias xa que pon o acento na necesidade de harmonizar os marcos regulamentarios de EUA e UE, de maneira que se elimine todo atranco aos negocios. Propón que os tribunais arbitrais do Dereito Corporativo Global sexan os que rexan as relacións entre institucións públicas e ETN de UE e EUA, co obxectivo de que se garanta a seguridade xurídica aos seus negocios fronte ás políticas públicas e aos dereitos humanos. 


Grandes mobilizacións en toda Europa en contra do TTIP

Tribunais de arbitraxe independentes que dependen das grandes empresas trasnacionais. Isto quere dicir que compromete a facultade dos representantes elixidos para administrar libremente as súas comunidades locais e promover as actividades industriais, o emprego e as iniciativas locais de toda índole.

Entender ademais que a supresión da barreiras arancelarias pode supoñer  efectos negativos para algúns sectores como agricultura ou mesmo a supresión de certas barreiras a explotación, comercialización e extensión dos OMG, cunha regulación mais laxa nos EEUU. Feito posible de abriren os mercados europeos aos alimentos e materias primas de EUA.

Se ademais se fixese baixo unha converxencia regulamentaria á baixa en termos de normativa sanitaria, ambiental ou das denominacións de orixe, e se por riba as ETN puidesen denunciar ás institucións públicas que regulen fronte ao seu dereito a acceder aos mercados, isto tería unhas consecuencias moi negativas non só para as pequenas economías, para os pequenos produtores, ou tamén para certas empresas e produtos actualmente consolidados, por exemplo no ámbito dos produtos ecolóxicos.

Pero tamén falamos da educación superior supeditando esta a intereses económicos, atacando a sustentabilidade das universidades públicas, cos prexuízos que tería para a igualdade de oportunidades e o acceso universal á educación, facendo desta un privilexio e non un dereito.

 
Viñeta sobre o TTIP

Dende FeC entendemos que esta maior liberalización das relación comerciais EUA- UE tal como está entendida implicaría unha rebaixa dos estándares de dereitos dos cidadáns europeos e estadounidenses, é dicir, das persoas dos consumidores/as e dos traballadores/as, así como a protección do medio ambiente ou sobre alimentación enfrontándose aos beneficios das corporacións locais.

O TTIP non exclúe da negociación os servizos públicos, xa que existe a posibilidade de que tamén sexan incluídos. En todo caso, e sen facer unha mención explícita destes, favorécense as presións para a súa privatización mediante o establecemento das estruturas de converxencia regulamentaria e de Dereito Corporativo antes sinaladas. Persegue a liberalización total dos servizos públicos e abertura da prestación dos mesmos por parte das ETN o que atacaría de fronte un piar fundamental do Estado de Benestar, xa bastante vilipendiado por mor da crise económica.

Sumando a iso esta a opacidade coa que a Unión Europea e os Estados Unidos están a negociar este tratado,  unha opacidade e falta de transparencia que que caracterizou este proceso desde que a Unión Europea (UE) e os Estados Unidos de América (EUA) o puxesen en marcha en xuño de 2013.Entendemos que a aprobación do TTIP altera as regras do xogo democrático e permite en Europa a ofensiva total do neoliberalismo conservador xa que restrinxe a democracia e a autonomía local, suprime as competencias dos servizos públicos locais,  e abre a porta a privatización dos servizos públicos que pasan a ser xestionados por grandes corporacións trasnacionais, perante aos que os cidadáns estarían desprotexidos.


As consecuencias do TTIP
  
Fec entende que este tratado suporía por tanto, a mercantilización absoluta das novas vidas e o sometemento total da soberanía dos estados aos intereses das grandes corporacións. Consideramos vital alzar a nosa voz contra este ataque aos nosos dereitos e liberdades, pero sobre todo a perversión da democracia, na que serían os lobbies empresarias e as grandes empresas transnacionais as que acumularían o total do poder político, económico e social, nas que os cidadáns e as cidadás estarían nun espazo de desprotección total en todos os ámbitos, dende o acceso aos servizos públicos de calidade como a seguridade alimentaria ou a regulación consumidora.

É por todo isto que entendemos necesario presentar unha moción dirixida ao pleno relativa a declaración do Concello de Ferrol en oposición á aplicación do Tratado Trasantlántico de Comercio e Investimento (TTIP).