FeC únese ao resto de cidades retirando a bandeira da UE e apoia as mobilización contra o acordo entre a UE e Turquía.


FeC uníndose ao resto de cidades que xa rebaixaron ou retiraron as súas bandeiras da UE, amosa así o seu rexeitamento ao acordo entre a UE e Turquía, e rexeita a inhumana postura e a política comunitaria dende o comezo da crise dos refuxiados. Deixamos ben claro o noso rexeitamento a un acordo que prevé a deportación colectiva de refuxiadas a Turquía, a fixación de novos criterios para a acollida de demandantes de asilo ou a exclusión deste recoñecemento para persoas que non sexan de nacionalidade siria, entre outras cuestións.

Apoiamos deste xeito, este mércores  16 de marzo a concentración convocada polas tres centrais sindicais CIG, CCOO e UXT ás 20.00 horas, diante do Edificio administrativo da Xunta de Galicia, en Ferrol.

Porque de todos é coñecida a situación de Siria despois de 5 anos de conflito e que deu orixe a unha das máis graves crises humanitarias dos últimos anos. Unha crise e un drama que queda reflectido en dantescas cifras xa que a metade da poboación de 22 millóns de persoas que había no país antes do conflito tiveron que deixar a súas casas, dando lugar a maior diáspora de persoas nos últimos anos. Calcúlase que 7 millóns fuxiron a outras zonas do país, mentres que outros 4 millóns son refuxiados nos países veciños. 

Moitos outros miles de persoas chegaron a Europa, fuxindo da guerra e da violencia. Unha Europa que pechou a porta a milleiros de refuxiados, corrompendo así a legalidade internacional e incumprindo a Convención do Estatuto do Refuxiado (Ginebra, 1951).

A UE lonxe de dar solucións satisfactorias, vimos como durante meses milleiros de refuxiados quedaron as portas de Europa tras aramados e concertinas, tras acordos de “reparto” de refuxiados que non se cumpriron. Agora a nova solución da UE e chegar a un acordo con Turquía para que todas as persoas refuxiadas que cheguen a Grecia poidan ser expulsadas a territorio turco.

 Este acordo non só pode aumentar o sufrimento das persoas “refuxiadas”, senón que ademais é de dubidosa legalidade, pese a que Juncker en sala de prensa defenda a legalidade de expulsar aos refuxiados, seguindo a senda do presidente do Consello Europeo, Donald Tusk que dicía: “Non veñades a Europa”. Tamén o presidente da Parlamento Europeo amosou o seu apoio a este acordo.

Con este acordo a UE da unha volta de 180º a política sobre os refuxiados e agora defende sen ambaxes unha proposta que estaba enriba da mesa e que foi cualificada por Donald Tusk como un gran logro. Unha proposta inhumana, que bordea a legalidade internacional, crúa e que trata as persoas como obxectos de intercambio nun suculento acordo para ambas partes.


Un país como Turquía que non respecta os DDHH e viola as liberdades fundamentais dos seus cidadás e cidadáns, e UE que considera, agora si  un país seguro para estranxeiros de terceiros países.

 Nese trato as grandes compensación que pide Turquía por quedarse con todos os migrantes e refuxiados que reenvía a UE, non son só beneficios económicos, tamén  volver a abrir o debate da adhesión de Turquía a UE tendo en conta a violación sistemática dos DDHH neste país.