Programa político









... dentro de ti, ó cidade


participación: gobernar coa xente e non para a xente



Participación da veciñanza nas decisións do goberno a través do Regulamento de Participación Cidadá e os Orzamentos Participativos. Asembleas de barrio e sectoriais. Grupo municipal aberto e Concello como organizador social. Plenos mensuais como asembleas abertas á cidadanía

 

plan de choque contra a emerxencia social



A situación socioeconómica de Ferrol require dun plan de choque inmediato, de aplicación preferente a calquera política pública dende o inicio da lexislatura. O desenvolvemento deste plan será consensuado co tecidos social e veciñal, así como coas organizacións sindicais, e priorizará todo o gasto público en tres eixos principais:

    1 emprego

Políticas activas de emprego dende o Concello a través dunha orientación laboral formativa e integradora, xunto coa remunicipalización de servizos, cláusulas sociais nos plegos de condicións de contratación e fomento do cooperativismo, con distribución de produtos, arrendamento en precario de terreos de uso público e utilización de espazos públicos como postos de venda. Isto posibilitaría crear emprego directo e en condicións dignas directamente dende a administración local
O anterior goberno municipal acumulou até 13 millóns de euros de remanentes para malgastar na súa campaña electoral. Con ese activo poderían crearse nun ano máis de mil empregos directos que redundarían na economía local e como estímulo para o comercio e as pymes, cun efecto multiplicador directo no sector privado.


2 servizos sociais

O concello como asistente social nun estado de benestar e non como órgano de caridade e beneficiencia, Progresividade fiscal en todos os tributos e exencións a desempregados e persoas con especial dificultade no transporte público e actos culturais
Estudo dunha renda básica municipal que supla as limitacións burocráticas e excluíntes do Risga.
Servizos sociais en todos os barrios, supresión das axudas de emerxencia e implantación de plans sociais integrais de desenvolvemento persoal
Impulso e colaboración coas entidades sociosanitarias sen substitutivo no Sergas, como Asfedro ou Aspaneps

3 vivenda

Ferrol dispón de 9000 vivendas baleiras. A especulación urbanística e o crecemento desmesurado da cidade só se traduciu na burbulla inmobiliaria, con consecuencias de políticas de rescates bancarios a costa dos dereitos sociais. Os bancos antes que as persoas.
Dende Ferrol en Común defendemos o concepto de cidade compacta, interconexión dos barrios e unha política de rehabilitación e rexeneración urbana, con formación en oficios e cooperativismo que permita a recuperación e habitabilidade dos barrios históricos, unha política de vivenda e aluguer social, directamente conectada coa creación de emprego a través de ciclos de formación profesional en rehabilitación, conservación e mantemento de vivendas de titularidade pública ou privada.
Recuperar a custo cero os terreos cedidos a Defensa para usos sociais e dotacionais
Crear unha cidade libre de desafiuzamentos, a través da oficiña de apoio aos desafiuzados, con estímulo ao aluguer social. Gravamen no IBI ás vivendas baleiras en propiedade dos bancos

urbanismo
Un novo Ferrol para vivir. A cidade compacta, con zonas peoniles, espazos  verdes e transporte público de calidade
Peonalización progresiva da Magdalena, con alternativas sostibles e reais ao transporte privado: aparcadoiros de superficie, microbuses circulares e desenvolvemento consensuado co Consello da Veciñanza
Reparación de viais a través dunha cuadrilla municipal e non en réxime de subcontratación que deriva en emprego precario e servizos deficitarios.
Expropiación ou adquisición directa de vivendas en estado ruinosos en propiedade dunhas poucas mans privadas a través das ordenanzas existentes a fin de desviar o seu uso a unha función social.
Remunicipalización do servizo de recollida de residuos e de todo o ciclo da auga.
Auditoría de todos os servizos privatizados de cara a unha xestión pública directa, incluíndo a auga e o subministro e mantemento eléctrico.
Impulso dunha oficina de vivenda, transversalizada polas áreas de benestar social, muller e mocidade.
Impulso ao comercio local en detrimento das grandes superficies.    
Plan de transporte público metropolitano, coordinando unha empresa pública municipal de autobuses cos servizos ferroviarios, e poñer o transporte ao servizo da cidadanía e non de intereses particulares: paradas de autobús en centros hospitalarios, no interior de Navantia e bonos sociais de gratuidade a desempregados e xubilados
Medio ambiente

Ferrol en Común pulará por unha cidade sostible medioambientalmente, co impulso de zonas verdes na terminal do peirao carboeiro, trasladando esa zona industrial ao porto exterior
O cuidado integral da nosa Ría, co veto ao bunkering e por unha xestión do ciclo da auga pública dende o Concello son piares básicos do programa de Ferrol en Común
Impulsaremos a proteción oficial da últimas fragas residuais ferrolás como a Fraga de Menáncaro (Serantes), o Souto do Monte Fontelo (A Graña), a Fraga da Pega (Leixa), a Carvalleira da Casa do Monte (Leixa) e o Acivreiral de Covarradeiras (Covas) e dos espacios da rede natura

Cultura
Ferrol en común entende como prioritaria a defensa da lingua e os valores culturais propios da nosa cidade e país.

A participación cidadá é o outro alicerce sobre o que se apoia o noso programa de cultura. É necesario contar co rico tecido asociativo existente e co resto dos axentes implicados na cidade para dinamizar e aproveitar as políticas a desenvolver. Isto debe ser aplicable tanto na repartición de recursos materiais (que debe de ser sempre consensuado e sobre a base de convocatorias abertas e transparentes) como da información xerada dende a área.

A programación dos distintos espazos dispoñibles é básica e debe de realizarse con criterios claros e profesionais pero trátase dun aspecto máis nunha armazón cuxa finalidade é capacitar os nosos veciños para abordar o feito cultural dende todas as vertentes posibles. Neste aspecto e hoxe máis que nunca hai que apoiar a produción local tanto con bolsas e axudas económicas coma coa reutilización dos locais existentes. É fundamental tamén xestionar cursos, talleres e escolas municipais nas distintas disciplinas. A interrelación deste programa de traballo co sistema educativo e asociativo permítenos tecer unha rede que sirva para propiciar un grande enriquecemento cultural na base da nosa sociedade.

A nosa ambición é trasladar o mundo da creación á rúa, aos espazos que non son os habituais. Somos conscientes que é necesaria unha maior implicación co conxunto da cidadanía e o valor da cultura na dinamización de políticas urbanísticas sostibles é por iso que se priorizarán aqueles eventos que impulsen esta visión transversal.

Para desenvolver todo este programa Ferrol en común entende como básico contar coa pequena industria local existente na área así como impulsar o cooperativismo cultural que está a xurdir na cidade.

Ferrol en común quere salientar especificamente o seu compromiso de solucionar os problemas existentes no Ateneo Ferrolán cos seus fondos e espazo. Esta implicación vén dada pola persecución política sufrida por unha das entidades máis activas e comprometidas da cidade.



Deportes
Actividade física deportiva.

  • Deporte rendemento. Establecer accións encamiñadas a facilitar a participación de clubs da cidade en competicións deportivas de alto rendemento deportivo. Plans acordados de xeito individual con cada entidade para adecuarse ás súas necesidades.
  • Deporte base. Favorecer a posibilidade de que os cidadáns poidan acercarse e participar nas múltiples modalidades deportivas que se ofertan na cidade a través de políticas de promoción do deporte base e iniciación deportiva.
  • Deporte saúde. Elaborar un plan estratéxico dirixido á promoción e práctica de actividade física deportiva como mellora da saúde e calidade de vida, adecuando e controlando o uso das instalacións deportivas, adecuando a oferta ás necesidades e potenciando a construción e adecuación de espazos para o uso no tempo de ocio.
Instalacións deportivas.
  • Plan de mantemento. Desenvolvemento dun plan de mantemento e arranxo das instalacións deportivas, como requisito imprescindible para a conservación das mesmas e poder alongar a súa vida útil e adecuando o seu uso aos obxectivos para os que foron deseñadas.
  • Planificación de novas construcións. Realizar un plan de uso de novos espazos adecuando as posibles inversións ás necesidades reais da sociedade