POWr Image Slider

Manifesto




Ferrol afúndese nun estado de agonía social e desprotección institucional. A cidade galega coa taxa de desemprego máis alta do país, onde só un de cada tres poden traballar, coa metade da súa poboación por enriba dos cincuenta anos e coa mocidade condenada ao exilio en busca das oportunidades laborais que aquí se lles negan, merece outros gobernos. Gobernos da xente construídos e lexitimados coa forza social dos partidos, do tecido social, da veciñanza e da cidadanía indignada. A política normalizada, ancorada nas vellas formas de electoralismo e malgasto en forma de obras faraónicas, dá as costas a unha situación de emerxencia que o bipartidismo nega coas cifras macroeconómicas, mentres o pan, o traballo e o teito quedan afastados dos intereses dos poderes políticos e económicos que usurparon o que lexitimamente corresponde ao pobo: a soberanía, a democracia plena, o dereito a unha vida digna e exclúennos dun sistema para elites que condena ao sufrimento á maioría social.

A dignidade, o empoderamento das nosas rúas, barrios e parroquias, a participación decisoria nas políticas de competencia municipal son os factores que debemos impulsar para un novo Ferrol, un Ferrol en Común construído entre todos e todas dende a esquerda transformadora.

Queremos un Ferrol en Común de construción colectiva, en creación constante en cada rúa e centro de traballo, unha acumulación de forzas para un novo goberno coa xente e non para a xente, que pule por servizos públicos de calidade, pola remunicipalización, a renda básica municipal e o emprego garantido. Propoñemos un Ferrol en Común de portas abertas á cidadanía, para artellar entre todos e todas un programa político de esquerdas, asembleario e rupturista, de onde saia unha candidatura plural por primarias abertas de cara a recuperar Ferrol para a súa veciñanza.

Democracia participativa, fomento do asociacionismo e cooperativismo, creación de emprego, protección do comercio local, unha cidade compacta con trato igualitario para todos os barrios e cidadáns, tolerancia cero coa corrupción e gobernar obedecendo son os obxectivos desta iniciativa para a construción dunha candidatura de unidade popular #EuSonFerrolEnComún.