Regulamento de Primarias










REGULAMENTO DE PRIMARIAS FERROL EN COMÚN (FeC)

ARTIGO 1. OBXECTO DA CONVOCATORIA
O presente Regulamento ten por obxecto regular o proceso de elección, a través de primarias abertas á cidadanía, da candidatura de Ferrol en Común (FeC) ás eleccións municipais de maio de 2015 na cidade de Ferrol.

ARTIGO 2. CALENDARIO ELECTORAL
·         28 de marzo: Aprobación de Regulamento de Primarias polo plenario da Asemblea de Ferrol en Común e conformación da Comisión Electoral. 
·         Do 29 de marzo ao 6 de abril: Presentación de candidaturas.
·         Do 7 ao 8 de abril: Campaña electoral.
·         9 de abril: Votación.
·         11 de abril: Asemblea de ratificación de candidatura, presentación e votación do resto da lista

ARTIGO 3. DEREITO A VOTO
1. No proceso de Primarias Abertas de FeC terá dereito ao voto toda persoa maior de 16 anos que resida ou traballe na cidade de Ferrol e que asinase o manifesto de FeC entre a súa publicación e o 6 de abril de 2015.
2. Todas as persoas deberán probar que residen ou residiron en Ferrol cun dos seguintes documentos: documento de identidade ou carné de conducir con enderezo na cidade, certificado de empadroamento ou factura onde consten o nome do titular e o enderezo.
3. FeC obrígase a garantir o segredo do voto e ao cumprimento da Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

ARTIGO 4. ASPIRANTES
4.1. Requisitos para ser candidato/a
1. Poderá presentarse calquera persoa que cumpra cos requisitos recollidos nos artigos 177 e 178 da Lei orgánica 5/1985 do réxime electoral xeral e que ademais cumpra os seguintes: 
a. Asumir o Manifesto, Código Ético e Liñas Programáticas de FeC.
b. De ser o caso, estar en posesión dos avais que estabelece o presente regulamento.
2. A Comisión Electoral porá a disposición de toda a cidadanía os formularios oficiais correspondentes para candidatarse ou para avalar.
As persoas candidatas enviarán solicitude oficial cuberta, así como unha fotografía e breve texto motivado á caixa de correo de FeC.
4.2. Criterios de exclusión
1. Ser cargo electo nalgunha outra Administración pública distinta do Concello de Ferrol.
2. Formar parte de candidaturas distintas á da FeC que concorran ás eleccións municipais do mes de maio de 2015.
3. Estar imputada por delitos relacionados con corrupción, prevaricación, tráfico de influencias, enriquecemento inxusto con recursos públicos ou privados, suborno e malversación e apropiación de fondos públicos, sexa por interese propio ou para favorecer a terceiras persoas.
4. Estar en situación de imputación xudicial por delitos de racismo, xenofobia, violencia de xénero, homofobia ou outros delitos ecolóxicos ou contra os dereitos humanos ou os dereitos das persoas traballadoras.
5. Non ter entregado en tempo e forma a documentación esixida ou ter sido validada pola Comisión Electoral
4.3. Avais
1. Terán a condición de avalistas as persoas incluídas no censo de FeC con data anterior ao 6 de abril.
2. Cada  avalista só poderá avalar unha persoa para a cabeza de lista e nunca poderá avalarse a si mesmo/a.

ARTIGO 5. CANDIDATURAS
1. As persoas que aspiren a encabezar a candidatura de FeC ás eleccións municipais de 2015 presentarán candidaturas individuais, avaladas por 20 persoas. 
2. As persoas candidatas a cabeza de lista presentarán unha proposta de candidatura e equipo de goberno de doce persoas candidatas que estarán  ordenadas ao completo en cremalleira de xénero.
3. A Comisión Electoral validará a documentación, avais e candidatura na que van incluídas as persoas candidatas.

ARTIGO 6. VOTACIÓNS
6.1. Tipo e sistema de votacións e reconto
1. A votación nas Primarias estará dividida entre o primeiro posto, que se vota por separado, e o resto da lista; sendo obrigatorio votar no apartado da lista, permitíndose para o cabeza da candidatura o voto en branco.
2. O sistema de votación e reconto será o de maioría simple. De non haber máis de unha persoa candidata a cabeza de lista quedará automaticamente proclamada a persoa candidata.
3. As papeletas incluirán o conxunto de nomes dos/as candidatos/as ordenados  segundo a proposta do cabeza de lista marcando só o elector ou electora a casilla da persoa cabeza de lista.
6.2. Reserva de postos e resto da lista
1. O resto da lista será completado en día distinto ás primarias abertas e ratificado por Asemblea aberta cidadán de FeC mantendo as garantías de paridade de xénero.
2. A lista de titulares da candidatura de FeC será completada con persoas de consenso que pola súa proxección pública avalen todo o proceso, con este fin serán reservados os postos do 20 a 25.
3. A lista completa será ratificada pola asemblea por proposta da candidatura elixida conxuntamente coa Comisión Electoral.

ARTIGO 7. XORNADA ELECTORAL
1. Votarase de xeito presencial no espazo habilitado como colexio lectoral.
2. Celebraranse as votacións na xornada do día 9 de abril.
3. A Comisión Electoral será a encargada de comunicar o lugar/ lugares así como o horario da votación do día 9 de abril. Na mesa ou mesas electorais haberá un mínimo de dúas persoas que escollerá a Comisión Electoral.

8. LISTAXE OFICIAL DE FERROL EN COMÚN (FeC)
A Comisión Electoral dará conta dos resultados se é posible o propio día da votación.